A planta solar de Betanzos HB, nas últimas probas para arrincar antes de fin de ano: «É un paso máis cara á autonomía enerxética»
A instalación fotovoltaica que Greenvolt Next construíu na fábrica de Tablex ocupa case cinco hectáreas e cubrirá arredor do 18 % do seu consumo eléctrico. A empresa explicoulle a BetanzosHoxe por que optou por un acordo de compra de enerxía, canto espera aforrar e que empresas da comarca traballaron na obra.
A planta fotovoltaica de autoconsumo de Betanzos HB, a fábrica de taboleiros de fibra de madeira Tablex da estrada de Betanzos a Santiago, xa está construída. «As obras xa están rematadas e están cos últimos axustes e probas para poñela en marcha antes de que remate o ano», respondeulle persoalmente a empresa a BetanzosHoxe, por boca do seu director de planta, José Manuel Vilasuso Pita.
A instalación, de 4,14 megavatios pico e 5.824 paneis sobre o chan, levantouna Greenvolt Next, que tamén se encarga de operala e mantela nun acordo de compra de enerxía a longo prazo (PPA, polas súas siglas en inglés). Segundo a empresa, «ocupa case 5 hectáreas» no contorno norte da parcela. E segundo os datos publicados estas semanas pola prensa especializada en enerxía, producirá arredor de 4,48 GWh ao ano, o que cubriría o 17,9 % do consumo eléctrico da fábrica e evitaría a emisión de 606 toneladas de CO₂ anuais.
Por que un acordo e non unha compra
A planta, polo de agora, non é de Betanzos HB. «Optouse inicialmente polo PPA para poder verificar o rendemento real da instalación durante 2-3 anos sen ter que facer investimento, sobre todo polas dúbidas que nos pode xerar unha instalación deste tipo en Galicia», explica Vilasuso.
O acordo é a quince anos, pero a fábrica pode quedar con ela: «Temos dereito de compra, polo que, se confirmamos os datos de rendemento previstos para o proxecto, é moi probable que se adquira a instalación». O aforro que calculan está «entre un 15 e un 20 % do consumo total da fábrica».
Despois da caldeira de biomasa
A fotovoltaica chega despois da nova caldeira de biomasa que, segundo a empresa, lle permite «reducir consumos e emisións en máis dun 40 %». «A FV é un paso máis cara á autonomía enerxética, a sostibilidade e a eficiencia da fábrica», resume o director de planta.
Baterías ou unha planta máis grande, de momento non: «Dependerá da evolución do mercado enerxético, que actualmente, debido a factores xeopolíticos, é moi volátil e xera unha gran incerteza ás empresas que somos consumidores electrointensivos».
Tampouco a ampliación de 4.000 m² do almacén e as novas liñas de acabados que prepara a fábrica cambiarán moito as contas: «As novas instalacións case non afectarán ao consumo global da fábrica. A FV alimentará toda a instalación».
Empresas da comarca na obra
Na construción da planta participaron empresas da contorna. «Si, participaron empresas da comarca na construción da planta, que lle recomendamos a Greenvolt Next desde BHB», conta Vilasuso, que tamén ten boas palabras para a tramitación: «A colaboración do Concello de Betanzos sempre foi e segue a ser exemplar, igual que a do resto de administracións, que nos acompañan, orientan e apoian nos novos proxectos que queremos acometer».

A planta xa estaba anunciada. En setembro, cando a empresa recibiu o Premio Pyme do Ano da provincia da Coruña, o propio Vilasuso avanzáralle a BetanzosHoxe que a fábrica ía poñer en marcha «nos próximos meses» unha planta fotovoltaica de 4 MW.
A planta, en cifras
- Potencia: 4,14 MWp, con 5.824 módulos de 710 Wp sobre estrutura cravada no chan.
- Superficie: case 5 hectáreas, no contorno norte da parcela.
- Produción estimada: 4,48 GWh ao ano, arredor do 17,9 % do consumo eléctrico da fábrica.
- Emisións evitadas: 606 toneladas de CO₂ ao ano.
- Modelo: PPA a 15 anos con Greenvolt Next, que deseña, constrúe, opera e mantén a instalación, con dereito de compra para Betanzos HB.
- Estado: obras rematadas; axustes e probas para poñela en marcha antes de que remate o ano.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.