Betanzos reúne o 21 de setembro os concellos afectados polas incidencias do bus metropolitano
A alcaldesa María Barral convoca os municipios limítrofes para analizar os problemas das liñas que comparten e acordar unha posición común ante a Xunta. A cita será ás 11.00 horas no Liceo.
O Concello de Betanzos convocou os concellos limítrofes afectados polo funcionamento das mesmas liñas de transporte público a unha reunión o vindeiro 21 de setembro, ás 11.00 horas, no edificio Liceo. A alcaldesa, María Barral, trasladou a convocatoria a varios municipios co obxectivo de analizar conxuntamente os problemas do servizo e acordar, se é posible, unha posición e actuacións comúns ante a Xunta.
A convocatoria prodúcese nun contexto de reiteradas incidencias. Segundo o Concello, os usuarios sofren atrasos, falta de información, servizos que non se realizan e autobuses que non pasan polas paradas. Estas deficiencias afectan a persoas que dependen do transporte público para acudir ao traballo, a centros educativos, a consultas médicas ou para facer os seus desprazamentos cotiáns.
O pasado 15 de setembro volveron producirse problemas na liña que une Betanzos coa Coruña. Un dos autobuses non pasou pola parada a primeira hora da mañá, como xa sucedera seis días antes, deixando sen servizo e sen explicación os usuarios que agardaban por el.
Para María Barral, a repetición destas incidencias evidencia que non se trata de feitos illados, senón dun problema que «require unha resposta inmediata e estrutural». A alcaldesa subliña que a situación non afecta só a Betanzos: «O problema non é só de Betanzos. Hai veciños e veciñas doutros concellos que tamén dependen destas conexións e que están sufrindo as consecuencias das deficiencias do servizo. Por iso queremos sentarnos cos demais alcaldes, coñecer a situación en cada concello e buscar unha resposta común».
Na reunión do día 21 os concellos compartirán as incidencias rexistradas en cada municipio, analizarán as necesidades existentes e estudarán posibles actuacións conxuntas para reclamar unha mellora efectiva do servizo.
Ademais, a alcaldesa solicitará unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para trasladar directamente a situación e reclamar explicacións e solucións ante as reiteradas incidencias. Barral pedirá tamén a convocatoria da Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano, ao considerar que este órgano debe ser o espazo no que se analicen os problemas do servizo e se busquen solucións que garantan o seu correcto funcionamento.
Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu, en declaracións a un medio, un servizo «que funciona relativamente bien» e sinalou que «se da una solución en cierta medida a las necesidades de transporte, más allá de que puedan existir necesidades específicas como puede ser el traslado a la universidad en algún caso, pero la instauración de una nueva línea conlleva siempre unos costes que hay que evaluar y para los que también pediremos colaboración a los concellos». Calvo admite que «hay horarios en los que hay una demanda superior a las plazas ofertadas» e apela ao incremento da demanda dos últimos anos. Abriuse a analizar a viabilidade de novas liñas e as posibles vías de financiamento unha vez finalice o contrato en vigor, en 2030.
Outros municipios da comarca, como Sada, Oleiros ou Miño, veñen reclamando en repetidas ocasións máis frecuencias e outras melloras no servizo, como un punto de conexión que evite aos universitarios ter que parar na Coruña. O rexedor oleirense pide en concreto unha liña de transporte público que conecte Santa Cristina coa Universidade da Coruña, o que permitiría aos pasaxeiros doutros municipios facer transbordo e evitar ir ata a cidade para tomar alí un bus urbano.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.