Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 8 Últimos días para inscribirse no concurso de tortilla caseira: ata o 15 de outubro

Deporte

José Amando Pena «Soviético», adestrador do Santo Domingo: «A afección sempre se volca connosco nos momentos difíciles»

Adestra o primeiro equipo do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, que abriu a Terceira FEB cunha vitoria por 77-91 en Chantada e xoga este domingo o seu primeiro partido na casa. Nesta entrevista para BetanzosHoxe fala das baixas, dos favoritos do grupo, de Arón Espiñeira, da canteira e de onde lle vén o alcume.

Redacción · · 7 min

Compartir esta noticia

O primeiro equipo do Ineltrón Santo Domingo Betanzos posa na pista do Municipal de Chantada: o corpo técnico e parte dos xogadores de pé, e seis xogadores axeonllados diante, coa canastra ao fondo.
Foto: Santo Domingo Betanzos

José Amando Pena, «Soviético», adestra o primeiro equipo do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, que a tempada pasada conseguiu a permanencia na Terceira FEB, a antiga liga EBA. O equipo estreou a liga 26/27 o sábado 3 de outubro cunha vitoria por 77-91 na pista do Ucoga Seguros Chantada, despois de remontar un 19-8 no primeiro cuarto e sen dous dos seus interiores, Luis Portilla e Miguel Latas.

Este domingo, 11 de outubro, xoga o seu primeiro partido na casa, no pavillón José María Valeiro Iglesias «Tocayo», ante o Universidad de Oviedo.

Estas son as súas respostas.

Parabéns polo 77-91 en Chantada. Que lle deixou esa estrea, máis alá do resultado?

A química que hai dentro do equipo, e as ganas de superación de todos os xogadores.

O equipo empezou perdendo 19-8 e despois gañou todos os cuartos. Que cambiou nese primeiro cuarto para darlle a volta?

Axustamos un par de cousas na defensa individual, e ao equipo de Chantada custoulle moito anotar no xogo estático. Ademais, a nosa defensa agresiva permitiunos anotar moitas canastras en transición.

Xogaron sen Luis Portilla nin Miguel Latas e aínda así gañaron o rebote con xogo pequeno. Como se reorganiza o equipo sen dous interiores, sobre todo con Latas varios meses fóra?

As baixas de Portilla e Miguel Latas son moi importantes, son xogadores que ían xogar moitos minutos, pero os nosos xogadores altos están a facer un gran esforzo por suplir a falta de centímetros do equipo e están achegando moitísimo tanto en defensa como en ataque.

Este domingo 11 é o primeiro partido na casa, ante o Universidad de Oviedo. Como o preparan e que espera do rival?

O Universidad de Oviedo é un equipo moi difícil, teñen un xogo rapidísimo, moi creativo e directo a canastra. O noso xogo debe ser tentar controlar o ritmo do partido e intentar que eles cometan o maior número de precipitacións posible. Se somos capaces de controlar o rebote e que eles nos corran o menos posible, teremos posibilidades de conseguir a vitoria.

Que supón xogar no Tocayo e canto pesa a afección de Betanzos?

Xogar na casa sempre é importante, por unha banda non tes que viaxar, por outra a afección sempre se volca connosco nos momentos difíciles. Os xogadores e as xogadoras das categorías inferiores adoitan ir cos bombos a levantarnos o ánimo nos peores momentos dos partidos. A tempada anterior o polideportivo José María Tocayo foi un fortín e escapáronsenos moi poucos partidos.

Antes de empezar dixo que o grupo tiña moito nivel e que Marín e Xixón partían como candidatos. Despois da primeira xornada, segue véndoo así? Cal é o obxectivo realista do Santo Domingo esta tempada?

Creo que hai catro equipos que a priori están moi por riba do resto: Xixón, Marín, Recolectas Salamanca e Xiria. O noso obxectivo é ir paso a paso e tentar gañar o maior número de partidos que nos permitan estar nunha posición cómoda na táboa. Imos traballar duro para tentar suplir as baixas de Latas durante toda a tempada e de Luis Portilla previsiblemente ata xaneiro.

Competir contra equipos que teñen o dobre de adestramentos semanais ca nós e nos que boa parte das plantillas son profesionais ou semiprofesionais é moi difícil.

A liga trae moitas viaxes fóra de Galicia, a León, Salamanca, Carbajosa, Oviedo, Mieres ou Xixón. Como afecta iso a un equipo coma o seu?

Son viaxes longas, sobre todo para facer a viaxe de ida e volta no mesmo día, pero os xogadores están moi implicados co club e lévano ben.

É un gasto importante que ten que soportar o club: desprazamento, comidas, etc.

Mantiveron a base do ano pasado despois de lograr a permanencia. Que achega esa continuidade e que botan de menos sen Dani Martín?

O grupo de xogadores é o mesmo, coa incorporación de Pablo Ríos e de Álvaro Bellón. A continuidade inflúe en que moitas facetas do xogo, e outras de fóra da pista, xa viñan traballadas do ano pasado. Este ano xa estaban claras e permitiunos seguir avanzando en cousas novas.

A baixa de calquera xogador no noso club é moi importante porque non é doado sacar xogadores que sirvan para xogar en Terceira FEB, pero a baixa dun xogador tan experimentado como Dani Martín nótase moito. É un xogador que achegaba moito en ataque e en defensa, pero tamén fóra da pista. É un xogador que todo o mundo quere ter nun equipo.

Que tal se está adaptando Álvaro Bellón, que chegou este verán?

Álvaro é un xogador que leva unha semana de adestramentos connosco e xa xogou o primeiro partido o sábado. Adaptouse rapidamente, creo que nos pode achegar moito ao xogo de ataque e defensa. A súa incorporación ofrécenos novas opcións tácticas durante o xogo.

Hai novas da volta de Ernest despois da súa lesión de xeonllo?

Polo momento non temos data para a incorporación plena de Ernest aos adestramentos con todo o equipo. Agora está a facer adestramentos tanto físicos como técnicos de forma individualizada. Espero no mes de novembro poder contar con el como un xogador máis do equipo. Creo que nos vai achegar moito a súa incorporación, é un xogador novo con moito talento.

Arón Espiñeira, que aínda é júnior, gañou o partido de Copa contra o Chantada cun triple na segunda prórroga e volveu meter triples importantes na estrea de liga. Que significa para o club que un rapaz da casa responda así no primeiro equipo?

Oxalá puidésemos contar con moitos xogadores coma Arón. Creo que é un espello para os xogadores do club de categorías inferiores, é un xogador que traballa moi duro en todos os adestramentos, dobra adestramentos e partidos co seu equipo júnior e co de Terceira FEB. Teño que dicir que a tempada pasada o coidaba moito porque era un xogador cadete, pero esta tempada eu non me decato de que sexa de categoría júnior: a súa forma de adestrar e de xogar é como a de calquera outro xogador da plantilla.

A canteira pechou a primeira fin de semana de liga sen perder un só partido, e o infantil feminino estréase esta tempada en Primeira División. En que momento está a base do Santo Domingo?

Os resultados son moi bos, o club leva uns anos traballando moi ben coas categorías de base, tanto masculinas como femininas. Cada ano o club conta con máis licenzas e o gran traballo que fan todos os adestradores do club está a dar os seus froitos. Se cada ano fósemos capaces de subir un xogador das categorías inferiores ao primeiro equipo sería fantástico, e o club podería seguir coa filosofía de competir a nivel nacional con xogadores formados no club.

No primeiro equipo é unha fortaleza contar con tantos xogadores formados no club e non ter a necesidade de incorporar todos os anos un bo número de xogadores de fóra, como lle pasa ao resto de equipos da categoría.

Que faría falta para que o baloncesto medre en Betanzos, en apoios, instalacións ou afección?

Entendo que o máis importante sería o apoio económico e mellorar e aumentar as instalacións para permitir máis horas de adestramento. Creo que as instalacións quedan escasas nun concello que ten dous clubs con tantas licenzas como o Troula de fútbol sala e o noso de baloncesto. Moitas veces vémonos obrigados a adestrar a horas que non son as máis axeitadas.

De onde vén o alcume de «Soviético»?

Empecei a xogar moi novo no primeiro equipo e, tanto polo físico como polo meu carácter, parecíame moito aos xogadores da antiga Unión Soviética: era capaz de afrontar todas as situacións do xogo con moita frialdade, e de aí o alcume.

Que lle diría á afección antes do primeiro partido na casa?

Que veñan aos nosos partidos para animarnos, que van pasar unha tarde de domingo divertida e que van poder gozar dun equipo que o vai dar todo na pista. Espero que a afección responda e poidamos encher o pavillón.

Entrevista a José Amando Pena, adestrador do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, para BetanzosHoxe.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos, e despois lerao unha persoa da redacción.