José Raimundo Núñez-Varela, cronista oficial: «Calquera veciño de Betanzos coñece ben o patrimonio que segue abandonado»
José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro é cronista oficial de Betanzos desde 1983. Nesta entrevista para BetanzosHoxe repasa sesenta anos de traballo pola memoria da cidade —as Danzas Gremiais que chegaron a Londres, o arquivo municipal que se mollaba baixo as goteiras, o Museo das Mariñas, os Maios, a Feira Franca e o Gamachiño— e sinala o que segue pendente: a Casa Gótica e o Pasatiempo.
Naceu en Betanzos o 16 de xullo de 1946 e leva máis de medio século traballando para que a cidade non esqueza de onde vén. Formou e dirixiu as Danzas Gremiais entre 1966 e 1974, foi concelleiro de Cultura entre 1974 e 1979, impulsou o Museo das Mariñas e, o mesmo día en que se inaugurou, o 25 de febreiro de 1983, recibiu os atributos de cronista oficial de Betanzos. Desde 1993 tamén o é de Miño e, desde 1995, de Paderne.
Na súa traxectoria están a declaración de Betanzos como Conxunto Histórico-Artístico en 1970, a recuperación do Arquivo Histórico municipal, a volta dos Maios en 1975, a proposta da Feira Franca Medieval en 1998 e doce anos no comité técnico que fixou o trazado primitivo do Camiño Inglés. Investigou en arquivos e bibliotecas de Simancas, Londres, Francia, Montevideo e Tunisia, e desde o ano 2000 publica en aberto o seu traballo en cronistadebetanzos.com.
Estas son as súas respostas.
O pintor Seijo Rubio, o artista Veiga Roel e o seu profesor Urgorri Casado empurrárono a traballar polo galego e polo brigantino. Como foi ese contaxio?
Tivemos a sorte de tratar desde moi novos con persoas como Seijo Rubio, Veiga Roel e o noso profesor Urgorri Casado, que nos ensinaron a valorar a cultura e a historia do noso País. A iso uníase o interese que sempre mostraron os maiores da nosa casa polas tradicións de Betanzos e da nosa terra. Todo aquilo foi formando unha sensibilidade que se mantivo ata hoxe.
Entre 1966 e 1974 formou e dirixiu as Danzas Gremiais, que gañaron o Primeiro Premio Nacional de Danza xuvenil e chegaron a actuar no Queen Elizabeth Hall de Londres. Como se leva ata alí un grupo dunha cidade pequena?
Foi fundamental o magnífico traballo e o comportamento dos mozos que formaban as Danzas Gremiais. Partindo practicamente de cero, o seu esforzo e o seu afán de superación fixeron que acadasen un gran prestixio e que chegasen a actuar tanto en España como no estranxeiro, especialmente a través dos Festivais de España. O éxito que conseguiron foi, sobre todo, mérito dos seus compoñentes.

En 1970 Betanzos foi declarada Conxunto Histórico-Artístico. Contra que houbo que pelexar?
Conseguir a declaración de Betanzos como Conxunto Histórico-Artístico foi unha tarefa ardua. Mentres loitabamos pola preservación do patrimonio histórico-artístico da cidade, outros pensaban principalmente nas súas propiedades. A oposición chegou ata o punto de que, nunha sesión municipal, se pediu que se actuase contra nós. Por fortuna contamos con apoios importantes, entre eles o de Manuel Chamoso Lamas e o doutras autoridades do Estado, e finalmente a declaración saíu adiante.
A súa xestión salvou boa parte do Arquivo Histórico de Betanzos. En que estado estaba?
O Arquivo Histórico municipal estaba desde finais dos anos corenta no antigo convento de San Francisco, hoxe conservatorio, nunhas condicións lamentables. A documentación estaba amoreada e exposta ás goteiras do tellado. Nos anos sesenta, con autorización municipal, puidemos cubrila con plásticos para evitar que seguise deteriorándose. Durante os anos seguintes intentouse en distintas ocasións mellorar aquela situación, aínda que sen conseguir unha solución definitiva.
Finalmente, desde o Grupo Untia puidemos impulsar de maneira efectiva a recuperación daqueles fondos. Santiago de la Fuente trasladoulle ao seu irmán Vicente, daquela alcalde de Betanzos, a urxencia de actuar, e foi durante o seu mandato cando se puido dar unha solución definitiva ao problema. En 1980 trasladouse arredor do noventa por cento da documentación ao Hospital de San Antonio, hoxe sede dos xulgados, e en 1982 comezamos a súa clasificación e expurgo con José Enrique Rivadulla Porta.
Pouco despois creouse a praza de arquiveiro-bibliotecario municipal e o arquivo puido empezar a organizarse dunha maneira estable e profesional.
O 25 de febreiro de 1983 inaugurouse o Museo das Mariñas e ese mesmo día recibiu os atributos de cronista oficial. Como se vive un día así?
Foi, sen dúbida, un día inesquecible, polo que supoñía ver realizada a que fora unha das miñas maiores ilusións para o meu pobo e tamén pola conciencia do compromiso que asumiamos coa súa posta en marcha.
A idea de crear un museo xa se formulara en 1974, aínda que desde bastantes anos antes viñamos recuperando pezas a través do Grupo de Rescate da O.J.E., que puxeramos en marcha. Fóranse recollendo restos de arcos, lousas, columnas, tallas e pezas de pedra granítica dispersas pola cidade e o seu contorno, algunhas procedentes de monumentos medievais destruídos en 1936. Durante anos foron clasificándose e almacenándose á espera de que puidesen atopar un lugar axeitado. Por iso, cando o Museo puido finalmente inaugurarse o 25 de febreiro de 1983, despois de tantos anos de traballo, a satisfacción foi enorme.


En 1975 recuperou a festa dos Maios e en 1998 propuxo ao Concello a Feira Franca Medieval. Como naceron?
A festa dos Maios, que se celebraba o primeiro de maio de cada ano, perdérase. Sendo concelleiro de Cultura procedeuse á súa recuperación, que contou co apoio xeral.
En canto á Feira Franca, desde moitos anos atrás non se nos ía da cabeza a celebración en Betanzos dunha exaltación da época medieval. En 1990, durante unha visita de investigadores do CSIC á nosa cidade, fixemos amizade con Staffan Mörling, que nos ofreceu a súa colaboración. Finalmente, presentamos a proposta ao Concello o 20 de febreiro de 1998 e a súa instauración aprobouse pouco despois.
O Pasatiempo. Empezou a moverse por el en 1975, sendo concelleiro de Cultura. Que sente hoxe cando pasa por diante?
Sinto unha gran tristeza pola desidia que durante anos rodeou o Pasatiempo, coa mirada posta moitas veces naqueles terreos para destinalos a outros fins. Así destruíronse elementos e colmatáronse estanques, como ocorreu co dos Papas, e un longo etcétera. Por desgraza, nunca volveremos velo como o coñecemos na nosa adolescencia.
Formou parte do comité técnico do Camiño Inglés entre 1991 e 2003. Como se localiza sobre o terreo un camiño que levaba séculos borrado?
Foi unha investigación moi intensa por parte de todos os compoñentes do comité técnico, sobre todo á hora de delimitar a antiga ruta xacobea. Houbo que percorrer o camiño treito a treito, parroquia por parroquia e lugar por lugar, e consultar documentos e escrituras das propiedades lindeiras para poder determinar o antigo trazado. Foi unha tarefa moi minuciosa, ata conseguir fixar e sinalizar o itinerario e lograr finalmente o seu recoñecemento oficial.
Que fai realmente un cronista oficial?
Como deixou escrito o noso bo amigo Alberto González Rodríguez, Cronista Oficial de Badaxoz, os cronistas oficiais forman «a irmandade de quen, co escudo do pergamiño, a lanza da pluma e a coiraza da súa independencia, ten por vocación e empeño de servizo estudar, rescatar, testemuñar e divulgar a verdadeira historia da nosa vella terra española». Creo que poucas definicións expresan mellor o noso labor. E hai que ter sempre presente outra máxima: «a primeira lei da Historia é non dicir nada falso e non temer confesar a verdade». Esa é a nosa pauta.
Encabeza algúns traballos coa frase de Langlois e Seignobos: onde non hai documentos, non hai Historia. É un principio de método ou unha advertencia?
É un principio fundamental para achegarse á verdade histórica, e os Cronistas Oficiais non podemos prescindir del. Ás veces utilízoo tamén para responder a determinados autores que modifican a Historia sen apoiarse en fontes fidedignas, ou que prescinden delas en favor dos seus propios intereses e personalismos.
Investigou no British Museum, na British Library, nos Archives Nationales de Francia, no Arquivo Histórico do Cabildo de Montevideo, en Simancas… e nos Arquivos Nacionais de Tunisia. Que foi buscar a Tunisia o cronista de Betanzos?
É unha sorpresa lóxica, pero hai que ter en conta que en 1990 estabamos investigando sobre a redención de cativos e as incursións dos piratas berberiscos e corsarios musulmáns na nosa terra. De aí xurdiron as consultas nos Arquivos Nacionais de Tunisia, unha investigación que nos permitiu coñecer casos de apresamento, poxa e redención, e tratar posteriormente sobre este tema.
A súa web está chea de historias que soan a novela: o médico que contratou a cidade en 1625, os desertores de Miño e Bemantes en 1645, a peste de 1769 ou os navíos suecos que traían o sal de Torrevieja. Como aparecen eses temas?
A moitos protocolos notariais de Betanzos fáltanlles os índices e, neses casos, facemos a investigación folla por folla. De aí xorden moitas desas sorpresas documentais que nos chaman a atención e que consideramos interesantes para sacar á luz.

De todo o que desenterrou en sesenta anos, cal é o achado máis humano, o que conta sempre?
Lembro con especial agarimo a recuperación do Gamachiño. Investigando as antigas celebracións do gremio de mareantes atopamos referencias a aquela figura, unha especie de diaño que acompañaba as súas danzas e se dedicaba a asustar, provocar e alborotar o cortexo. Pareceunos que merecía volver ás rúas de Betanzos e, en 1969, decidimos recuperalo xunto coa danza de mariñeiros.
O problema foi como fabricar un demo cos medios que tiñamos. O primeiro deseño resultaba demasiado custoso, así que houbo que botarlle imaxinación. Pedímoslle os cornos dun castrón ao noso amigo Gerardo Vidal, que traballaba no matadoiro; Evaristo Mancera preparou a madeira para suxeitalos e Luis Cachaza fixo o armazón de zinc. Despois foron aparecendo as teas, os cascabeis, o vestiario e todo o demais. Entre uns e outros conseguimos que aquel personaxe que atopáramos en documentos antigos volvese correr polas rúas de Betanzos. E o máis curioso é que aquel Gamachiño feito case de maneira artesanal acabou gañando anos despois o premio ao mellor traxe nun festival internacional de Portugal.
Está en internet desde moito antes do habitual e publica a súa investigación en aberto. Que o levou a facelo tan cedo?
A miña presenza en Internet remóntase ao mes de xullo do ano 2000, e desde entón a web reuniu xa máis de setecentas publicacións entre traballos, artigos, escritos e outras entradas. A razón fundamental foi que moitos dos nosos traballos aparecían en actas de congresos e en publicacións doutras partes do país que apenas chegaban a coñecerse nestes lares. Internet permitiu ampliar moito a súa difusión e, sobre todo, facer que eses traballos puidesen coñecerse tamén en Betanzos e entre quen se interesa pola súa historia.
Que está hoxe en perigo en Betanzos?
Calquera veciño de Betanzos coñece ben o patrimonio que segue abandonado. Hai casos concretos, como a Casa Gótica, cuxa recuperación leva dezaoito anos pendente, igual que o Pasatiempo e outros moitos elementos presentes na memoria colectiva.
E o arquivo persoal que reuniu durante décadas, que debería pasar con el?
Sobre o meu arquivo persoal, aínda non tomei unha decisión. Espero que os meus herdeiros saiban conservalo integramente.
Que lle diría a un brigantino de vinte anos que queira coller o relevo?
Ao mozo brigantino que teña interese e vontade para recoller o relevo diríalle que traballe con rigor, con respecto polas fontes e coa mesma esixencia que debe presidir sempre o labor dun Cronista Oficial… e que aprenda tamén a traballar con independencia do interese ou do recoñecemento que reciba.
Entrevista a José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, cronista oficial de Betanzos, para BetanzosHoxe.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.